Friday 10 de May de 2024

O Concello demanda novamente que a Xunta autorice a prórroga do bus 1-A


O Concello de Oleiros volveulle a solicitar á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia a prórroga do convenio para a prestación do servizo de bus urbano 1A entre A Coruña e Santa Cristina, que vén desde o Hospital Abente y Lago ata a entrada de Santa Cristina pola avenida Alfonso Molina. A conselleira Ethel Vázquez négase a autorizar a prórroga ata que o Concello de Oleiros pague unha suposta perda de persoas usuarias a Autos Cal Pita, cando o percorrido de Cal Pita é polas Xubias con destino a Entrexardíns.

“A empresa Cal Pita pasáranos un cargo ao Concello de Oleiros que alcanza os 49.000 euros polos tres meses de verán dos anos 2020 e 2022. É dicir, din que perderon máis de 60.000 viaxes, pero sen xustificación de ningún tipo”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

O Concello de Oleiros demanda unha resolución urxente a este asunto, ou que se achegue a documentación que xustifique a actitude da conselleira, que está a defender a unha empresa en contra dos intereses das persoas usuarias do transporte público.